Logo
SISO  SAÚDE
 
Número 28
  
  • Editorial
                 
 
 

Editorial

   No mes de Febreiro do ano que andamos os medios de comunicación fixéronse eco do décimo aniversario do comezo da Reforma Psiquiátrica en España, poñendo de manifesto a avaliación global positiva da mesma e, unha vez máis, os seus puntos febles. 
   Tamén neste mesmo mes a AGSM celebrou a II Xornada Debate sobre a Asistencia Psiquiátrica en Galicia e nas nosas conclusións constatamos os avances habidos nos últimos tempos no eido da Saúde Mental na nosa Comunidade Autónoma sinalando tamén  a febleza dos mesmos, relacionada fundamentalmente co escaso e irregular desenvolvemento do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galicia. 
   Non imos reiterar aquí todos os problemas que se detectan e que serán obxecto no seu día dunha publicación específica; hoxe soamente queremos facer unha chamada á reflexión sobre aqueles que son máis profundamente prexudicados polas deficiencias do proceso de Reforma Psiquátrica e sobre os que pende a posibilidade da temida contrarreforma da que xa se empeza a falar: "Os crónicos". 
   Os enfermos mentais crónicos que presentan a situación máis complicada para unha asistencia psiquiátrica reformada e son a súa asignatura pendente, atópanse desprotexidos e marxinados, ingresados nas súas familias cando as teñen, ou "atascando o circuíto asistencial" ingresados nas Unidades de Hospitalización Psiquiátrica destinadas a enfermos agudos; sofren, eles e as súas familias, as deficiencias dos servicios que precisan: Unidades de Rehabilitación Psiquiátrica, Pisos protexidos, Unidades de Apoio Social e Unidades Residenciais, así como a necesaria coordinación e o adecuado desenvolvemento da rede de Servicios Sociais, como moi ben evidenciaba na súa intervención do día 7 de Febreiro en Lugo a Presidenta de FEGAFES ó ennumerar a lista de necesidades. 
   Pero esta reflexión tamén vai dirixida á nosa intervención porque os enfermos mentais crónicos tamén sofren a burocratización dos profesionais que temos próxima a tentación de desentendérmonos dos problemas máis complexos, das situacións difíciles, dos tratamentos que supoñen riscos e complicacións, dos crónicos, nunha palabra. 
   Seguramente, postos a analizar a cuestión temos moitos argumentos para disculpar os nosos fallos: os cambios na rede, as consecuencias da reforma, as moitísimas dificultades do día a día..., poderian procurarnos unha boa coartada; tamén ten os seus argumentos a administración e non por iso imos deixar de chamar a atención sobre esta cuestión prioritaria, coa esperanza de que algún día poidamos asistir á culminación, sen asignaturas pendentes, da Reforma Psiquiátrica. 
 
 
© Asociación Galega de Saúde Mental 1997